Referentes

Xacobo de Toro Cacharrón

Ciencia
A Coruña, 1977
Profesor, creador de contidos didácticos e divulgador científico.
#Ciencia #DivulgaciónCientífica

RELACIÓN CO GALEGO

Desde pequeno percorría os campos e a costa con curiosidade naturalista e fascinación. Quería coñecer o nome de todos os seres vivos que me arrodeaban durante as miñas incursións á natureza: desde o prado que formaba parte do patio do meu colexio, ás brañas da aldea de Cospeito ou ás pozas da baixamar de Portosín. Logo serían os fósiles, as rochas, os minerais, as estrelas.... Trueiro en man, os primeiros nomes que escoitaron os meus oídos para designar os seres vivos que atopaba eran en galego: grilo, saltón, ra, pintafontes, muxo, lorcho, queimacasas, vacaloura, vagalume, año, pita, cuxo, carballo, bidueiro, estalote.... todos por boca de familiares e de persoas achegadas moi queridas. Descubrir esta riqueza de nomes en lingua galega producíame un inmenso pracer e estaba asociado ao que claramente era unha das miñas paixóns, a natureza. Coidei que era un ben prezado que había que preservar. Debido a isto e á influencia que exerceron os meus tíos escritores en lingua galega, decidín mudar a miña fala cando entrei no instituto, pasando do castelán ao galego. Hoxe en día, todos o contidos educativos que desenvolvo para a aula e as redes son en galego e trato de promovelo para que goce de boa saúde.
"Loado sexa Deus tamén por darme o don da nosa fala. Por me ensinar a dicir rula e bidueira, e dorna e ponte e fonte. E entón, eu sabendo estas palabras era verdadeiramente dono da rula, e da bidueira e da dorna e da ponte e da fonte. " Álvaro Cunqueiro

PARA SENTIR A SÚA LINGUA

O SEU CONTIDO EN

VER MÁIS REFERENTES
VOLVER Á PÁXINA DE REFERENTES