RELACIÓN CO GALEGO
O meu compromiso co galego comeza dende o ámbito asistencial, tratando de normalizar o uso da lingua no eido sanitario e co firme convencemento de que o seu emprego mellora a miña comunicación e relación terapéutica coas usuarias e compañeiras. Ademais, considero que moitas veces a lingua utilizada, consciente ou inconscientemente, serve como marca de clase entre as distintas categorías profesionais ou entre persoal sanitario e pacientes, no que se erixe o castelán como lingua propia do coñecemento especializado ou do científico-técnico. Con este marco, é cando comezo coa miña teima de divulgar coñecemento científico decidida a empregar o galego. A miña traxectoria divulgadora non pode desligarse do emprego do galego, xa que para min ten tanto peso achegar a ciencia ao público xeral como reivindicar o noso idioma como vehículo válido para calquera tipo de contido ou coñecemento.