RELACIÓN CO GALEGO
Cando me preguntan como definirme sempre vai nesta orde: muller galega e artista, porque para min ser galega é un sentimento de pertenza e identidade a unha cultura, ter unha lingua propia que empregar a diario é a riqueza máis grande, unha riqueza para compartir coas demais e espallar polo mundo; por iso traballo, creo, pinto na rúa e ensino en galego, tanto nas comunicacións, como nas redes sociais, ou nas aulas. Eu nacín en galego, medrei e criáronme en galego, namoreime dun galego en galego e agora tamén criamos en galego. Ser nai e maternar na lingua galega para min é o natural, criar noutra lingua que non sexa a propia resultaríame contra natura e non hai máis fermoso sentir que ensinarlles ás nosas crianzas a falar na nosa lingua, a das nosas nais, avoas, bisavoas. Deconstruírse cada día nos castelanismos e aprender as palabras en galego para engadilas e utilizalas na nosa fala e herdarllas aos que veñen detrás.
“...non hai máis fermoso sentir que ensinarlle ás nosas crianzas a falar na nosa lingua, a das nosas nais, avoas, bisavoas...”