RELACIÓN CO GALEGO
Meiga-i é unha personaxe resultado da mistura do folk galego coa linguaxe drag para crear unha auténtica fantasía galega, acolledora, enraizada e común, contra o cosmopaletismo. Neste contexto, o galego tanto falado como cantado é a lingua propia na que se expresa esta criatura. Eu non mamei a tradición. Tampouco cría que o territorio galego era diverso, que os referentes estaban fóra. Inocente, experimentei xa de adulto o potencial de tantas coplas populares de autoría anónima e tempo pasado que expresaban o que eu estaba a sentir no presente. Á música tradi tamén teño que agradecerlle moitas alegrías e amizades, sen o folclore a miña vida sería máis aburrida. Comecei -e sigo- a construír a miña identidade adulta xunto a estes ritmos e versos, moitas veces comunitarios e libres, como eu querería ser.
"Por cantar, rir e bailar nunca se perdeu ninguén. Pérdese por mermurar da vida de cada quen. "