imaxe-nova

07/11/2023

Alingua leva ás aulas referentes en galego para a mocidade

Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega que aglutina os servizos de normalización lingüística de 19 concellos, continúa este outono coas accións programáticas de É túa. Pásaa!, campaña de difusión posta en marcha neste 2023 co obxectivo de promover e dinamizar en diferentes ámbitos o uso do galego. No marco desta iniciativa, Alingua lanza este curso o seu Catálogo de referentes acompañado dunha guía didáctica de descarga libre e dun cartel de referentes dirixidos ao alumnado. Tamén presenta a Cartografía sensorial, un espazo virtual de paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade.

Catálogo de referentes

O Catálogo de referentes preséntase como un compendio en permanente medra onde se recollen figuras destacadas de diferentes ámbitos sociais e culturais que desenvolven en galego tanto o seu día a día coma a súa traxectoria profesional. Este catálogo créase co fin de visbilizar os usos reais da lingua en ámbitos diversos e de prestixio e de achegar referentes que conecten coa mocidade.

Esta guía dixital, que se pode consultar na web da Alingua a través desta ligazón, recolle máis de corenta figuras salientables clasificadas por 12 grandes áreas: comunicación, deporte, artes escénicas e cinema, cómic e ilustración, artes plásticas, moda e artesanía, ciencia, música, literatura, gastronomía, activismo e novas tecnoloxías.

Na presentación participaron Lucía Calvo de la Uz, alcaldesa do Concello de Teo, María Vazquez Rey, concelleira de Lingua do Concello de Teo, Blas García Piñeiro, alcalde de Ames e Goreti Sanmartín Rei, alcaldesa de Santiago de Compostela. Así mesmo, asistiron ao acto Mónica González, concelleira da Baña, Ramón Varela, concelleiro de Carballo, Olalla Figueira, concelleira de Rianxo e Manuel Cobas, concelleiro de Rois. 

Alingua enxalza como referentes da nosa fala a intérpretes como María Vázquez, Xosé A. Touriñán ou as integrantes da compañía teatral A Panadaría, ilustradores como Luís Davila, as voces de Tanxugueiras, Mondra, Grande Amore ou Fillas de Cassandra e as sinaturas literarias de Ledicia Costas, Antía Yáñez ou Ismael Ramos. Para completar o ámbito da creación artística, tamén se recollen as figuras de creadoras plásticas como son a pintora Aroa Outón, a fotógrafa e deseñadora Zeltia Iglesias Rodríguez ou a muralista Nana.  Máis aló do sector cultural, o Catálogo de referentes tamén glosa personalidades da ciencia (Iria Veiga, Sonia Villapol ou Xacobe de Toro), do deporte (Sechu López e Rocío García Eiras), da gastronomía (Lucía Freitas e Javi Olleros), da comunicación (Rodri Míguez, Mario Brión, María Rúa ou Esther Estévez). Completan o catálogo nomes das novas tecnoloxías (Iago Gordillo, Javi Boquete ou Verónica Bolón) e do activismo, representado pola performer Meiga-I, a sindicalista Isabel Vilalba e as escritoras María Reimóndez e Nee Barros, tamén presentes no apartado literario pola súa obra. Todas as persoas presentes no catálogo aceptaron previamente participar nel e colaborar así coa asociación Alingua como unha vía máis de amosar o seu compromiso co idioma.

O Catálogo de referentes complétase coa guía didáctica É túa. Pásaa! que, baixo o subtítulo Con actividades e referentes para revolucionar o teu galego, pon á disposición do profesorado de centros de ensino de secundaria de toda Galicia co obxectivo de fomentar o uso do galego na rapazada de entre 12 a 16 anos. A guía didáctica que se atopa na web de Alingua, inclúe actividades multidisciplinares que, de forma transversal, se centran nos diferentes ámbitos nos que se clasifican os referentes. Así preténdese achegar ao alumnado a relevancia destas figuras que utilizan a lingua galega na súa vida cotiá e tamén nas súas creacións, investigacións, proxectos e reivindicacións.

A guía didáctica está pensada para o seu aproveitamento desde diferentes materias con contido transversal no que lingua galega é canle de expresión, traballo e creación. Ademais, inclúe accións educativas que se poden levar a cabo tanto de xeito individual como por grupos que van desde as tradicionais sopas de letras até anovadoras posibilidades tecnolóxicas, como o deseño da túa propia app para móbil en galego. A guía achega tamén un apartado de recursos en liña para poder achar máis información e atopar material complementario na Rede.  Ademais desta guía, Alingua enviaralles aos centros de ensino dos municipios adheridos un cartel impreso para traballar e ampliar dende o colectivo os propios referentes do alumnado.

Cartografía sensorial

Como outra iniciativa deste outono, Alingua publica na súa web a chamada Cartografía sensorial. Trátase dun espazo virtual que recolle paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade e que ten como obxectivo amosar a riqueza das falas galegas e visibilizar e enxalzar a diversidade lingüística dos concellos que integran a asociación. Este reservorio dixital ofrece a posibilidade de personalizar postais para enviar en liña e tamén compartir fotografías que relacionan cada lugar cunha cor identificativa. Proponse con esta ferramenta un modo diferente de explorar diferentes contextos sociais e lingüísticos do noso territorio a través dos sons, das cores e da lingua.

Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, está conformada polos concellos da Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía da Arousa. Ademais, a Deputación de Pontevedra súmase a esta entidade como integrante amiga.

MÁIS NOVAS