O Concello de Vilagarcía acolleu o 18 de abril a presentación da campaña de Alingua para 2023, que apela ao uso individual e colectivo do galego co lema É túa, pásaa!
Na presentación participaron Sonia Outón e Tania García, concelleira de Cultura e Normalización Lingüística e tenente da Alcaldía do Concello de Vilagarcía de Arousa; Leticia Santos Paz, alcaldesa do Concello de Moaña, que exerce a vicepresidencia de Alingua; Victoria Quiroga Ramallo, concelleira de Cultura do Concello de Rois; e Martiña Pérez, unha das protagonistas da webserie que formará parte da axenda de actividades. Asistiron ademais responsables políticos e técnicos dos concellos de Ames, Betanzos, Narón, A Baña, Pontevedra, Teo e Santiago.
Leticia Santos Paz explicou a importancia da colaboración, que rendibiliza mellor os esforzos e achega visibiliade as accións para dinamizar o uso da lingua, facendo que alcancen maior impacto e incidencia na sociedade. "Unir esforzos, sempre suma e Alingua ten os brazos abertos para calquera entidade que teña como obxectivo a defensa e a promoción do uso da lingua galega”, incidiu.
"É túa. Pásaa!, o lema da campaña de Alingua no ano 2023 e fai unha chamada á acción: usa e transmite a túa lingua, o galego”, explicou Victoria Quiroga Ramallo. Esa expresión xa comezou a colocarse nas fachadas dalgúns edificios municipais e continuará facéndose popular como retrouso do tema musical da campaña. Trátase dunha creación orixinal de Fátima Pego, recoñecida cantante e comunicadora, e Grande Amore, destacado artista do panorama musical actual, que “convida a coidar a lingua pero sobre todo convida a falala, a usala”. Para dar continuidade á campaña repartirase material promocional como vinilos e bandeirolas, para que a veciñanza e os colectivos poidan facer visible o seu apoio a esta campaña e tamén para que aquelas persoas que non falan galego, se animen a dar o paso.
Xunto ao vídeo, no mes de maio estrearase nas distintas canles de Alingua a webserie en formato vlog O gran reto, na que tres persoas castelanfalantes amosarán a súa experiencia vivindo en galego durante 21 días. A creadora de contido María Rúa será a presentadora deste proxecto, no que cada protagonista fará un capítulo semanal con distintos desafíos e relatará a súa experiencia na transición lingüística.
“Esta acción recolle o convite do lema da campaña para animar a falar a todas esas persoas que lle queren ben á nosa lingua pero que non a dan falado. Queremos que a xente se implique neste gran reto de probar a falar galego, e non só durante as tres semanas que dura, senón que se atrevan a dar o paso de falar esta lingua, pois para que unha lingua teña futuro, precisa falantes”, explicou na rolda Victoria Quiroga Ramallo. Martiña Pérez, unha das participantes, admitiu que o desafío lle resulta “complexo por vivir nun contorno maioritariamente castelanfalante”, pero confesouse preparada para a “aventura”.
Alingua tamén publicará nas súas redes sociais os próximos meses entrevistas a persoas de diversos ámbitos que achegarán as súas vivencias coa lingua, novos recursos en galego ou sorteos para visitar o fondo mariño, entre outros contidos.