Youtubeiras, proxecto de colaboración entre os servizos de normalización lingüística de once concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña, chega neste 2022 á sexta edición co obxectivo de ensanchar a comunidade creadora de contidos audiovisuais en galego. Para acadar esta meta, recuperarase a presencialidade no encontro creativo e nas xornadas en centros educativos ao tempo que se reestruturarán as categorías dos Premios Youtubeiras.
Nos últimos cinco anos, o Proxecto Youtubeiras impulsou e apoiou a comunidade creadora na Rede en galego, que non deixou de medrar ao abeiro da iniciativa que é xa unha realidade consolidada.
En cada edición, o propósito é visibilizar e achegarlle ao proxecto as novas caras que están presentes nas redes. Desta volta, procuramos sumar persoas de todas as idades que poidan facer vídeos con habelencias concretas en ámbitos de todo tipo, que compartan vídeotitoriais para resolver problemas do día a día. .E un perfil que se quere incorporar á comunidade youtubeira para que comparta os seus coñecementos e manteña canles desta natureza. Ese tipo de perfil incorporarase a unha das novidades deste ano: un catálogo de youtubeiras e youtubeiros. Tratararase dun grande escaparate dixital que terá como obxectivos favorecer a visibilidade a través da web (www.youtubeiras.gal) e das redes sociais do proxecto, propiciar unha comunidade máis consolidada e ofrecerlle ao público un lugar de referencia na búsqueda de contigo dixital en galego.
Para rede, a nosa
O lema para esta sexta edición quere ser forte e enérxico, simbolizando así a seguridade e o orgullo de termos unha rede de creadoras e creadores que xeran contidos en Youtube, mais tamén noutras plataformas -Twitter, Facebook, Instagram, TikTok ou Twitch-, e coa que está a medrar a presenza da nosa lingua nos novos formatos, conectando con novas xeracións e chegando a outros espazos imprescindibles para o futuro.
Para fomentar e fortalecer o sentimento de comunidade, tras os dous últimos anos de pandemia, Youtubeiras recuperará a presencialidade nalgunhas das súas actividades de convivencia, intercambio e formación. A primeira delas será o encontro creativo: a Megacolab, dinamizado por Gingko. Trátase dunha xornada de creación colectiva entre youtubeiros/as. Celebrarase o sábado 18 de xuño en horario de 11 a 14 h e de 16 a 19 h no Espazo Apego, en Santiago de Compostela. Para asistiren, as persoas interesadas deben inscribirse antes do 16 de xuño a través da páxina web de Youtubeiras, xa que as prazas son limitadas.
A seguinte das actividades terá lugar o 21 de setembro ao vivo na canle de Youtube do proxecto. Será unha conversa en liña titulada Unicornios e linguas non hexemónicas na Rede, coa participación das canles Canal Malaia (Catalunya), PlayPresta (Asturies), Iruñe @ARKKUSO (País Vasco) e Youtube en galego. Xa en decembro, celebrarase un obradoiro formativo impartido pola asesora fiscal Paloma López Retorta, de Cifras Asesoría. Neste obradoiro, analizaranse claves de facturación, declaracións fiscais, o traballo por conta propia e as fórmulas de declaración dos ingresos acadados en Youtube.
Reestruturación dos Premios Youtubeiras
Na rolda de prensa de presentación anunciouse ademais a publicación das bases dos VI Premios Youtubeiras -que xa se poden consultar na páxina web www.youtubeiras.gal-, e que inclúen dúas grandes novidades neste 2022. A primeira é que se permitirán a participación de canles cun único vídeo publicado, a diferenza da edición do ano pasado que limitaba a concorrencia a quen tivese como mínimo cinco vídeos. Os vídeos han estar publicados a partir do 22 de outubro do 2021.
Os Premios reestruturan, ademais, as súas categorías. Contarase cun total de oito apartados: youtubeira/o, canle, vídeo, youtubeira/o revelación, premio á calidade lingüística, pioneiro, rede e premio do público. As persoas gañadoras dos sete primeiros recibirán 1.000 euros, mentres que no último caso a dotación económica ascenderá aos 500 euros. Así, os Premios Youtubeiras repartirán un total de 7.500 euros. O prazo de inscrición para competir no concurso abrirá o 27 de setembro e finalizará o 25 de novembro.