Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega
O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa.
O certame Enreguéifate acolle vídeos de regueifas e establece dúas categorías: unha xeral, para calquera persoa, e outra escolar, para alumnado dos centros educativos galegos non universitarios. E entre os requisitos destacan que a lingua empregada debe ser o galego, a temática libre, que en cada vídeo deben aparecer cando menos dúas persoas e a duración máxima é de 3 minutos.