No DOG do 30 de marzo publicouse a orde da convocatoria de 2022 que establece as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publicou a orde do 17 de marzo de 2022 pola que se convocan e se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega. Estas axudas xestiónanse desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística e poden solicitalas todos os concellos ou agrupamentos de concellos con poboación igual ou superior aos 3 000 habitantes.
Mediante estas subvencións, as entidades locais poden obter axuda para crear un servizo de normalización lingüística ou para o manter ou reforzar un servizo xa existente. As solicitudes presentaranse unicamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (código de procedemento PL400A). O prazo de solicitude está aberto e remata o 2 de maio de 2022.
Os servizos de normalización lingüística son unidades técnicas inseridas na propia entidade local, dotados de recursos materiais e humanos, que teñen como funcións planificar, xestionar, executar e avaliar medidas e accións destinadas a incrementar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os ámbitos de actuación da administración, tanto interna como externamente.
Ademais destas subvencións, os concellos das provincias da Coruña e de Pontevedra poden solicitar as axudas que anualmente convocan as respectivas deputacións para crear, manter ou reforzar os servizos de normalización lingüística municipais. No caso da Deputación da Coruña o importe destas axudas é de 15.000 euros anuais e no caso da Deputación de Pontevedra o importe máximo das subvencións para contratos a xornada completa é de 25.000 euros anuais.