imaxe-nova

14/10/2026

ALINGUA E O CONSELLO DA CULTURA GALEGA ÚNENSE PARA IMPULSAR O USO DO GALEGO NA INFANCIA

A Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (Alingua) e o Consello da Cultura Galega (CCG) asinaron un protocolo de colaboración co obxectivo de impulsar accións conxuntas de promoción e normalización lingüística. O acordo, subscrito polo presidente de Alingua, Ramón Varela, e a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, establece un marco estable para programar actividades culturais, intercambiar proxectos e materiais, elaborar recursos divulgativos e desenvolver traballos de investigación sobre a situación da lingua.


Estudo sobre a oferta e a demanda en galego para a infancia

No marco desta cooperación, unha das primeiras liñas de traballo será un estudo promovido por Alingua sobre as necesidades das familias e a oferta de produtos, servizos e contidos en galego destinados á crianza, para o cal se contará co apoio metodolóxico e técnico do Observatorio da Cultura Galega.
Este proxecto dá continuidade a dous traballos previos do CCG (Oferta, demanda e prácticas culturais nos menores de 16 anos, de 2022; e Oferta e demanda de produtos e servizos culturais en galego para a infancia e mocidade, de 2025). A primeira fase do estudo impulsado por Alingua arrincará en Santiago de Compostela cunha xornada de traballo que reunirá a familias do programa Apego o día 7 de novembro.  
Nesta sesión, coordinada directamente por Alingua, organizaranse roldas comunicativas nas que as familias debaterán sobre as súas experiencias arredor dos consumos cotiáns e de lecer, analizando aspectos clave como a dispoñibilidade, o prezo, a calidade e a adecuación dos produtos ás distintas idades. O material recollido, sumado a unha posterior consulta en liña, permitirá a Alingua conectar de xeito directo as demandas reais dos fogares co tecido produtor e empresarial..


Un marco estable de cooperación con xestión conxunta

O acordo marco, que ten unha vixencia inicial dun ano prorrogable ata un máximo de tres, responde ao interese de Alingua —entidade constituída en 2019 para promover e coordinar accións a prol do uso do galego no ámbito local— por sumarse ao traballo de investigación e defensa da lingua que desenvolve o CCG. Cada iniciativa concreta contará cun proxecto específico e o seguimento das actuacións realizarase a través dunha comisión paritaria con representantes de ambas as entidades

MÁIS NOVAS