imaxe-nova

20/01/2026

Os Premios Youtubeiras+ baten marca de participación na súa novena edición

A novena edición dos Premios Youtubeiras+ xa ten finalistas. Un total de 28 canles aspiran a levar algún dos sete galardóns deste certame organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo e mais da Deputación da Coruña. As persoas e canles gañadoras destes galardóns, que teñen como obxectivo promocionar o talento en galego nas redes sociais, daranse a coñecer durante unha gala que este ano terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol o sábado 7 de febreiro. Presentarana Leila Fernández (que forma parte da canle O faiado pódcast) e Carlos Vieito (integrante do proxecto Exército Mekemeke). Anunciárono así esta mañá en rolda de prensa o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística de Ferrol, Patricia Cons, e a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra.

 

 126 canles participantes

Nesta novena edición dos Premios Youtubeiras+ rexistrouse a concorrencia de 126 canles diferentes, cifra que bate a marca histórica do concurso e supera as 89 canles presentadas na edición anterior.

As bases experimentaron modificacións nesta última entrega abríndose a participación a canles de todas as redes sociais. Antes, ata 2023, limitábase ás canles de YouTube, e en 2024 ampliouse a participación tamén a TikTok. Nesta edición, que recoñece o labor realizado pola comunidade creadora de contidos en galego na Rede ao longo de 2025, permitiuse a concorrencia de perfís en todo tipo de plataformas, entre as cales Instagram é a rede social con máis presenza, ao achegar un total de 81 contas distintas.

As categorías ás que optan as canles presentadas aos Premios Youtubeiras+ son: Canle, Creación de contidos, Pódcast, Calidade lingüística, Revelación, Rede e o Premio do Público. Todos os premios contan cunha dotación de 1000 €, agás as dúas primeiras categorías, cuxos galardóns ascenden a 1250 €.

Sobre o Premio do Público, nesta novena edición o público propuxo 49 vídeos para optar a este premio e emitiron 2326 votos, votos que deciden a proposta gañadora que se coñecerá o próximo 7 de febreiro

 

A gala

O Jofre acollerá a cerimonia de entrega de premios o 7 de febreiro ás 19.00 h da man de Carlos Vieto, de Exército Mekemeke, e Leila Fernández, d’O faiado pódcast, que a presentarán.

Ademais, nesta edición, os Premios Youtubeiras+ contan por vez primeira coa categoría de Premio ao Mellor Pódcast e por ese motivo a gala significará, en certo xeito, a gravación ao vivo do primeiro episodio dun pódcast moi especial: o Pódcast Youtubeiras+.

As entradas para a cerimonia de entrega serán gratuítas e pódense retirar xa a través da plataforma ataquilla.com, ou ben o propio 7 de febreiro no despacho de billetes do Teatro Jofre.

 

O xurado 

Os membros do xurado responsable de escoller nesta novena edición tanto as persoas finalistas en cada categoría como as gañadoras que coñeceremos o vindeiro 7 de febreiro son: Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico.

 

Máis información sobre os finalistas e os Premios Youtubeiras en www.youtubeiras.gal

 

MÁIS NOVAS