imaxe-nova

21/03/2022

O apego está de moda!

O proxecto máis coñecido dos servizos de normalización municipais, o Apego, logrou o seu alcance grazas á colaboración entre concellos.

A dimensión pública desta iniciativa provocou un “efecto Mandela”. Moitas persoas están convencidas de que coñecen o seu contido, que existe unha entidade única que o sostén e que está presente en todo o territorio galego. Malia isto, o certo é que se trata dun proxecto colaborativo no que se implicaron trinta concellos e que se mantén desde dezaoito neste momento.

Co obxectivo de aumentar o uso do galego na crianza e na primeira socialización dos nenos e nenas, desde que arrincou en 2015 logrou achegarse dun ou doutro xeito a miles de familias galegas con argumentos, recursos e actividades.

Malia que é imposible contabilizar o alcance total das accións realizadas, poden darnos unha idea algunhas cifras como as máis de 6.000 familias que se adheriron directamente, as 10.000 persoas que o seguen desde páxina do Facebook ou as máis de 30.000 que viron algunhas publicacións.

A web do proxecto funciona como repositorio de recursos e está en constante crecemento, completada coa divulgación permanente de información, convocatorias, reflexións etc., desde as redes sociais. Grazas a estes medios, os materiais que se foron producindo ou as propias mensaxes do programa están chegando a moitas persoas non directamente adheridas e que os empregan no espazo familiar, educativo ou de lecer.

Do mesmo xeito, as miles de actividades organizadas polos concellos membros ábrense á participación de nenos e nenas das familias adheridas e tamén das non adheridas. Con elas multiplícanse as oportunidades de nutrir e reforzar o uso da lingua por parte das familias.

Toda esta repercusión colocou no centro do debate a importancia da socialización en galego na primeira infancia e espertou o interese de entidades públicas e privadas por xerar contido adecuado para estas idades. Logrou, asemade, demostrar que a colaboración intermunicipal lles outorga ás accións de normalización da lingua un potencial imposible de acadar de xeito individualizado. E, finalmente, conseguiu chamar a atención doutros ámbitos que lle supuxeron recoñecementos como o Premio Rosalía de Castro ou o Premio da Cultura Galega.

De cara ao futuro, Alingua permitirá contar co espazo e os mecanismos de xestión necesarios para aniñar este e outros proxectos colaborativos municipais cos que impulsar a restitución e o medre do galego na sociedade.

MÁIS NOVAS