imaxe-nova

21/03/2022

Club de Debate: volve un proxecto para mozas e mozos con ganas de leria

O Club de Debate volve este ano coa participación de cento nove mozas e mozos. 

Este programa de normalización lingüística ofrece contextos para os usos formais e informais da lingua, promove o traballo en equipo, a investigación e a xestión de argumentos. 

Despois da parada obrigada pola pandemia de covid-19 que obrigou a suspender a edición de 2020, nesta nova xeira participan doce equipos e profesorado de nove centros educativos: os IES de Ames e do Milladoiro, Antonio Fraguas, Cacheiras, Punta Candieira, Sánchez Cantón, Xulián Magariños, do Colexio Sagrado Corazón de Praceres e do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón. Todos os equipos pertencen a algún dos sete concellos que botaron a andar esta convocatoria a través dos seus servizos de normalización lingüística. 

Sempre co galego como lingua de traballo e comunicación formal e informal, o Club de Debate ten como obxectivo principal activar o uso da lingua galega na mocidade. Para isto artéllase arredor de exposicións orais en público realizadas en equipo para defender ou refutar un tema proposto. Mais, alén dos debates públicos en directo, a proposta ofrece espazos para a socialización e traballo, tanto dentro dos equipos como entre os equipos; incentiva o pensamento crítico, a investigación e a elaboración de argumentos e tamén axuda a mellorar as aptitudes para falar en público.

O calendario da actividade comezou antes do Nadal, coa apertura do prazo de inscrición. Desde o pasado mes de xaneiro os equipos están a participar nas xornadas de formación en habilidades comunicativas; os seguintes meses están destinados a prepararen as súas intervencións a favor e en contra do tema escollido para as fases clasificatorias, que darán o pase de seis equipos á final.

Unha das novidades deste ano é que só haberá dúas xornadas clasificatorias. Están previstas para o martes 5 e o mércores 6 de abril no auditorio sociocultural de Negreira e co tema común: “A liberdade individual está por riba do interese colectivo?”. Os tres equipos mellor puntuados polo xurado en cada xornada pasarán á final prevista para o venres 6 de maio. As xornadas terán entrada libre, antes de cada debate, ata completar a cabida do local.

Outro cambio foi a reformulación dos premios do Club de Debate. Os máis de 4.000 euros en premios para os equipos repartiranse en 1.600 € para as fases preliminares e 2.500 € para a final. Haberá un primeiro premio de 500 euros e un segundo premio de 300 euros en cada unha das fases clasificatorias; na final haberá dous premios, de 1.500 e de 1.000 euros para os equipos que obteñan a maiores puntuacións do xurado.

A necesidade de proxectos como este queda reflectida tanto na boa acollida que ten a proposta nos centros de ensino como en recoñecementos como o do xurado da novena edición dos premios Rosalía de Castro de iniciativas a prol da lingua, que convoca a Sección de Normalización da Deputación Provincial da Coruña, que no ano 2020 considerou o Club de Debate merecente do galardón. 

O Club de Debate está en Youtube e en Facebook, onde se poden ver algúns dos vídeos de edicións anteriores. 

Para calquera consulta sobre esta proposta de normalización lingüística pódese contactar cos servizos de normalización lingüística dos concellos organizadores: Ames, Cedeira, Dodro, Negreira, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo.

MÁIS NOVAS