imaxe-nova

21/03/2022

Alingua sabe de premios

Os proxectos colaborativos que Alingua impulsará xa contan con varios recoñecementos.

Un dos obxectivos de Alingua é acubillar as iniciativas de colaboración entre entidades locais no ámbito da normalización do galego, unha vez que esta liña de traballo demostrou o seu potencial e rendemento.

Trátase de proxectos xestionados entre servizos de normalización que logran multiplicar o seu alcance grazas á cooperación e que foron xa premiados por varias entidades, o que anima, sen dúbida, a seguir pulando por iniciativas que xorden do mesmo espírito, como a propia asociación Alingua.

O programa Apego, o Club de debate, Enreguéifate ou Youtubeir@s son exemplos de proxectos que recibiron galardóns nos últimos anos.

Nos Premios Mil Primaveras, organizados pola Coordinadora de Traballadores e Traballadoras pola Normalización Lingüística, tanto Youtubeir@s como Enreguéifate tiveron o seu recoñecemento. O primeiro recibiu no 2019 o premio ao proxecto máis innovador; e o segundo, no 2020 obtivo o galardón ao mellor proxecto estabilizado.

O Club de debate foi galardoado no ano 2020 co Premio Rosalía de Castro de Lingua, que convoca a Deputación da Coruña. E neste mesmo certame o programa Apego xa fora recoñecido en 2017, ano en que recolleu tamén o Premio da Cultura Galega da Xunta de Galicia na modalidade de Lingua.

Todas estes premios achegan azos e animan a continuarmos nesta liña ilusionante de cooperación interadministrativa.

Longa vida aos proxectos colaborativos!

 

 

MÁIS NOVAS