imaxe-nova

20/02/2026

Alingua aproba o seu Plan de Acción 2026 cunha aposta pola profesionalización e o relanzamento do programa Apego

A Asociación de entidades locais pola lingua galega, Alingua, celebrou a súa asemblea ordinaria na que se definiron as liñas estratéxicas que marcarán o rumbo da entidade durante o presente exercicio. Entre os acordos máis destacados atópanse a posta en marcha dunha estrutura técnica de xerencia e un ambicioso plan de renovación para o programa Apego de socialización lingüística na infancia.

Unha estrutura estable para crecer

A asemblea serviu para lle dar luz verde ao informe de xestión e ás contas do exercicio 2025, ademais de ratificar as cotas de socios para o presente ano. Porén, o paso máis significativo cara ao reforzo estrutural da entidade é a implantación dunha xerencia externa, deseñada para dotar a Alingua dunha arquitectura técnica estable que garanta unha coordinación eficiente dos programas e actuacións que corresponden aos fins da entidade.

Esta nova figura asumirá a xestión administrativa, económica e legal, reforzando ao mesmo tempo a imaxe de marca da asociación e das súas entidades asociadas. Con esta aposta, Alingua asegura un modelo de gobernanza baseado na eficiencia e na transparencia, facilitando o seguimento dos acordos e a consolidación dunha rede local sólida en favor da lingua galega.

O décimo aniversario de Apego: relanzamento e novos materiais

O programa Apego, que fai dez anos, centrará boa parte do esforzo operativo en 2026. Alingua decidiu participar na xestión directa deste programa e, de cara a esta anualidade, ten previsto, ademais de crear unha nova páxina web, realizar unha renovación e reimpresión dos materiais de benvida ás familias. Así mesmo, levarase a cabo unha campaña de relanzamento do programa para lle dar visibilidade a este décimo aniversario e fortalecer o seu impacto social.

Alianzas estratéxicas e novos proxectos

Alingua fortalecerá a súa colaboración con outras institucións. No primeiro semestre de 2026, organizarase un encontro entre empresas e familias, en colaboración co Consello da Cultura Galega (CCG), co obxectivo de conectar a demanda social coa oferta de produtos culturais e educativos en galego.

Así mesmo, a asociación continuará co proxecto Modo galego, actívao!, en colaboración coa Real Academia Galega (RAG), e promoverá que os concellos socios poidan participar del e realicen os seus mapas sociolingüísticos escolares. No ámbito dixital, Alingua ratificou o seu interese en incorporar o proxecto Cancións para medrar aos recursos do programa Apego, para ofrecer recursos musicais con pictogramas que fomenten a diversidade e a inclusión.

Fortalecemento da rede de concellos

A asemblea tamén abordou a modificación de estatutos e o informe de altas e baixas, coa incorporación do Concello de Arzúa, reafirmando o compromiso de consolidar unha rede de entidades locais cohesionada e equilibrada territorialmente.

Con este Plan de Acción, Alingua non só busca manter o traballo realizado en proxectos consolidados como o Club de Debate, Enreguéifate ou Youtubeiras+, senón tamén sentar as bases organizativas para o período estratéxico 2027-2030.

Sobre Alingua

Alingua naceu no ano 2019 como unha asociación de entidades locais galegas coa firme vontade de promover, coordinar e dinamizar o uso da lingua galega en todos os ámbitos da sociedade. A organización funciona como unha rede de cooperación para impulsar políticas de normalización lingüística desde a administración local.

A asociación está integrada agora por 21 concellos que contan con servizos de normalización lingüística (SNL) no seu organigrama. Ademais das entidades socias, Alingua tamén abre as súas portas a "entidades amigas", sexan públicas ou privadas, que compartan o compromiso de defender e fomentar o idioma propio de Galicia.

MÁIS NOVAS