imaxe-nova

18/07/2025

Alingua e a Real Academia Galega buscan vías de colaboración a prol do galego

Alingua e a Real Academia Galega van explorar vías de colaboración en iniciativas a prol da normalización lingüística. Unha representación da directiva da asociación reuniuse na sede temporal da institución co presidente da RAG, Henrique Monteagudo, co propósito de avanzar na normalización lingüística.

No encontro participaron por parte de Alingua o presidente, Ramón Varela Rodríguez, do Concello de Carballo; o secretario, Demetrio Gómez Xunqueira, do Concello de Pontevedra; e o tesoureiro, Gonzalo Castro, do Concello da Coruña. Canda eles asistiron as técnicas de normalización lingüística Carme Pereiro, Xulia Rigueiro e Concepción Cochón, de Carballo, A Coruña e Pontevedra.

Entre outras cuestións, no encontro abordouse a posibilidade de cooperar na difusión do proxecto de acción e investigación Modo Galego, actívao!, posto en marcha pola RAG e o Concello de Ames, de cara á súa extensión a outros municipios. Henrique Monteagudo agradeceu o apoio na promoción desta iniciativa e amosou o interese da Real Academia Galega en proxectos compartidos entre concellos que promove Alingua como Enreguéifate, Youtubeiras, Club de Debate ou Apego.

MÁIS NOVAS