imaxe-nova

20/03/2022

Alingua alingua

Alinguar, atraer cara á lingua, é o lema e o obxectivo da primeira campaña da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega.

Xogando coa marca da entidade, Alingua, deseñouse un proxecto divulgativo co que trasmitirlle á sociedade a ilusión por traballar en prol da normalización do galego.

Pola súa vez, como primeira actividade pública, vai servir para dala a coñecer socialmente e para animar outras entidades a sumárense á asociación.

As primeiras accións da campaña comezaron xa a divulgarse nas redes sociais e proximamente desvelarase o conxunto do proxecto nun acto aberto que servirá tamén de presentación pública da entidade.

Esta asociación de entidades locais nace en 2019 co obxectivo de desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma. O seu principal obxectivo é promover e dinamizar o uso do galego dun xeito colaborativo o que permite rendibilizar esforzos, capacidades e recursos, así como acadar un maior impacto e incidencia na sociedade.

Forman parte dela varios concellos galegos que xa colaboraban, a través dos seus servizos de normalización lingüística, en proxectos colectivos como o Apego, o Club de Debate, Youtubeir@s ou Enreguéifate e poderanse unir todas aquelas entidades locais que o desexen, sempre que conten cun servizo de normalización lingüística, así como entidades públicas ou privadas, que teñan entre os seus obxectivos a defensa e promoción da lingua galega, en condición de membros amigos.

MÁIS NOVAS