O pasado 21 de marzo no Auditorio de Galicia, en Compostela, Alingua protagonizou o seu primeiro acto público, para presentarse como entidade e compartir os contidos da campaña social que está realizando.
Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo e presidente da asociacion, deu a benvida ao acto co “orgullo de termos unha lingua universal” que nos achega “identidade nun mundo globalizado” e fixo fincapé na importancia de saír da "zona de confort" para impulsar novos proxectos colectivos.
O acto estivo conducido pola actriz Gloria Rico que, no seu papel de experta lingüista, foi debullando o que signifia ALINGUAR.
Precisamente do nome da asociación xorde este neoloxismo, que quedou xa definido:
Verbo transitivo que significa usar a lingua propia para expresar pensamentos e accións ao tempo que se manifesta unha vontade expresa de autodefinición e afirmación nela e na cultura que vehicula.
Trátase, segundo o propio Muíños, dun “neoloxismo case metalingüístico ao fusionar cuestións identitarias e idiomáticas”. O vocábulo está a centrar algunha das pezas da campaña, a medio camiño entre a ficción e o falso documental protagonizada polas intérpretes Gloria Rico e Tania Yáñez.
Alingua contou asemade con colaboracións como a das actrices Mela Casal, Melania Cruz e Ailén Kendelman (que como compositora asina a sintonía da asociación), a cantante MounQup, os xornalistas Gonzo, David Espiño e Patricia Santana, as creadoras dixitais Olaxonmario, Todomalva e Surfeando Libros, o artista Sergio Marey e a artesá Elena Ferro. Tamén se sumaron a psiquiatra Iria Veiga, o intérprete Xosé A. Touriñán, a bailarina Ánxela Blanco, o rapeiro O Rabelo, a influencer Paula Jorge, a maga Sara Rodríguez e o músico Caxade. Todos estes referentes sociais participan nas pezas audiovisuais da campaña, que procuran subliñar o orgullo de contar cunha lingua propia e espallan mensaxes clave: “E ti que alinguas?”, “O teu algoritmo fala galego?”, “A lingua sitúanos no mundo” "Alingúa aí!".
Esta primeira iniciativa está servindo para dar a coñecer a asociación e os seus fins e compartir a fachenda colectiva por traballar en prol da normalización do idioma. Inclúe tamén sorteos para acudir a restaurantes pertencentes ao prestixioso Grupo Nove (Culler de Pau, Eirado da Leña, Pepe Vieira e O Balado), difusión nos medios de comunicación tradicional ou contidos audiovisuais adaptados ás novas narrativas das redes sociais.
En palabras de Rubén Prol, concelleiro de Política Lingüística de Santiago de Compostela que tamén participou no acto, preténdese transmitir a ilusión por un idioma a través do cal “nos identificamos ante o mundo”. “En Alingua queremos colocar o galego no centro e aproveitar a forza que xera para potenciar todo o patrimonio colectivo, humano, cultural e económico que acubillan os nosos concellos”, sinalou Prol antes de engadir que a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega busca “ser expansiva” e “convida a espertar os sentidos á lingua”. Esta primeira campaña ten un duplo obxectivo: presentar Alingua e animar outras institucións a se adherir.
A concelleira de Política Lingüística de Ames, Escarlata Pampín, encargouse de detallar as principais metas da asociación. “Alingua vén para quedar e vén co obxectivo de se converter nunha organización de referencia no traballo colaborativo en normalización lingüística”, sinalou Pampín ao tempo que adiantou que a entidade “aglutinará a vontade normalizadora das administracións locais” e “facilitará a xestión dos programas”.
Ademais de se converter no axente catalizador para os amentados proxectos colectivos a prol da lingua que xa están en marcha, a asociación buscará promover e dinamizar o uso do galego dende o ámbito dos concellos. Ao tempo, procurarase a coordinación na acción dos servizos de normalización lingüística implicados e prestarase servizo de asesoramento ás entidades asociadas na promoción, impulso e conservación do idioma. Por último, Alingua propiciará a colaboración con outras entidades que teñan entre os seus fins a defensa da lingua.