É TÚA. PÁSAA > WEBSERIE O GRAN RETO

⚡Chega a webserie na que 3 persoas castelanfalantes asumirán o reto de falar galego 24/7 ⚡

María Rúa (@pradorua nas redes sociais) presenta O gran reto, unha serie web en formato vlog onde unha persoa castelanfalante entrará nun proceso de inmersión lingüística cara a unha posible transición ao noso idioma. Neste reto, durante tres semanas, o noso ou a nosa protagonista vivirá ininterrompidamente en galego dentro da súa contorna social, laboral ou estudantil para sacar conclusións, en primeira persoa, a respecto dos usos do galego na súa vida cotiá. Para este mergullo no galego terá que se enfrontar a diferentes retos que deberá intentar cumprir e reflexionar sobre eles. Serán quen de levar a cabo os diferentes retos? Que reaccións haberá na súa contorna?
Descubre aquí os nosos participantes:
Darío Martiña Nelu
O GRAN RETO DE DARÍO
Darío, de 19 anos e estudante de Química na Universidade de Compostela aceptou O gran reto de Alingua. Nado na Coruña e residente en Ourense, Darío xa intentara o cambio lingüístico, mais as súas circunstancias persoais non fixeron doada esa mudanza. Agora, no gran reto, afrontará a súa inmersión lingüística durante tres semanas. Acompáñao nestes 21 días e comproba se tivo éxito nas diferentes probas que terá que superar, como tratar coa Administración ou ir de compras en galego. E non perdas os testemuños da súa contorna! Máis que interesantes!

O gran reto de Darío

Primeira semana

O gran reto de Darío

Segunda semana

O gran reto de Darío

Terceira semana

O GRAN RETO DE MARTIÑA
Darío pasoulle o reto a Martiña, de 25 anos e natural de Noia. Con residencia na Coruña e con traballo no concello de Oleiros, só usa o galego para falar coa xente maior e en contextos máis formais. Mais Martiña ten medo de que o idioma desapareza, así que aceptou o reto de Alingua. Non perdades a oportunidade de seguir a Martiña mentres supera as diferentes probas do reto, e, sobre todo, non perdades as reflexións que tanto Martiña como a súa contorna fan sobre a lingua. Martiña tirará abaixo prexuízos e achegará experiencias de gran valor para comprender as posturas das persoas galegofalantes. Imprescindible!

O gran reto de Martiña

Primeira semana

O gran reto de Martiña

Segunda semana

O gran reto de Martiña

Terceira semana

O GRAN RETO DE NELU
Martiña, despois da súa inmersión lingüística, pasoulle O gran reto a Nelu Vermouth, actor, artista da performance e estudante de matemáticas. Nelu, aínda que recoñece que non se sente cómodo falando galego, aceptou o reto coa mellor das actitudes. Desde Ferrolterra aceptará os desafíos que lle propón Alingua, como falar coa familia en galego, enviar audios de Whatsapp, interactuar nas redes en galego ou ligar e tomar algo en galego. Reflexións da importancia dos medios na lingua que falamos, do vencello –ou non- entre lingua e posicións políticas, e testemuñas doutras transicións lingüísticas están presentes no percorrido de Nelu. E todo iso mesturado con humor e moita festa!

O gran reto de Nelu

Primeira semana

O gran reto de Nelu

Segunda semana

O gran reto de Nelu

Terceira semana

ÚNETE Ó RETO E COMPÁRTEO!
Despois do éxito dos nosos tres protagonistas, María Rúa despide O Gran Reto... Mais só na canle de YouTube!
O gran reto non é só unha serie de vídeos, é unha invitación a que vós participedes nel. Compartide o reto, os vosos avances, as vosas probas, reflexións, conclusións e dúbidas. E se xa es galegofalante, espalla o reto entre as túas amizades e xente coñecida. Estes vídeos foron só o primeiro paso!