imaxe-nova

25/04/2022

O Club de Debate recolle o Premio Rosalía de Castro

Despois de dous anos sen actos nin celebracións, a Deputación da Coruña quixo homenaxear o mundo da cultura nunha gala de entrega conxunta dos premios que convoca, o sábado 23 de abril, coincidindo tamén co Día do Libro. Alí estivo Alingua, representada nesta ocasión polo Concello de Santiago, para recoller o Premio Rosalía de Castro que o xurado da edicion 2020 decidiu concederlle ao Club de Debate, un dos proxectos colaborativos que alicerzan a nosa asociación.

 

O Club de Debate acendeu unha das lámpadas no escenario do Teatro Colón na Coruña coas que a Deputación quixo simbolizar o papel da cultura e dos seus axentes.

 

O Premio Rosalía de Castro foille outorgado ao Club de Debate por "levar favorecendo durante unha década o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente os usos orais en contextos formais e informais, por potenciar a lucidez comunicativa ligada á oratoria, por promover o pensamento crítico e analítico, á vez que o traballo en equipo, por fomentar a diversidade de opinións e a tolerancia fronte a diferentes cuestións e crear espazos e contextos para a socialización en galego, entre outras, e tamén por ser o resultado dun traballo conxunto entre profesionais de distintos ámbitos: administración local, técnicos e técnicas de normalización lingüística e profesorado dos centros de ensino".

 

 

 

MÁIS NOVAS